O violento ascenso dos Boko Haram en Nixeria

DAVIDE MATTEUCCI.

A secta islámica é responsábel dos recentes atentados contra os cristiáns no Norte do país. Na loita polo poder a liña divisoria relixiosa súmase á étnico-relixiosa. O goberno non parece capaz de rematar coa violencia.

(Mapa de Laura Canali).

En Nixeria, a violencia contra a comunidade cristiá presente na rexión setentrional, de maioría musulmana, sucédese agora cunha cadencia case diaria. Despois dos atentados do Nadal, nos cales perderon a vida case corenta persoas, o número de mortos continúa a medrar: nos últimos días do 2011 o número de vítimas superaba o duplo, mentras entre mércores e sábado da pasada semana, no Nor-leste do país, o estoupido de tres artefactos na cidade de Maiduguri -capital do Estado de Borno – e cando menos outros tantos ataques contra algunhas igrexas e un rito fúnebre asasinaron a trinta persoas.

Os atentados foron reivindicados polo grupo integrista islámico dosBoko Haram, despois de que o mesmo movemento, nun comunicado aparecido o 2 de xaneiro nun xornal local, tivese conminado a todos os cristiáns residentes no Norte a trasladarse a outro lugar.

Fundada no 2002 polo imán Mohammed Yusuf e inspirada nos talibáns afganos, a secta (cuxo nome en lingua hausa significa “a educación occidental é pecado”) permaneceu na sombra até o 2009, cando a violenta represión do Exército supuxo o ponto de arranque para unha serie de ataques directos, principalmente contra obxectivos gobernamentais e en particular enfrentamentos coa policía local; o arresto de Yusuf, morto no cárcere, parece ter deixado espazo a un liderado colexiado, cuxos compoñentes reais non foron aínda identificados, despois de terse producido unha división no movemento; emerxeu unha corrente máis extremista, responsábel do cada vez máis sistemático recurso á violencia.

A actividade dos Boko Haram intensificouse no curso do último ano, en particular desde abril de 2011, cando para a presidencia do máis populoso país africano foi elexido o cristián Goodluck Jonathan. Ademais, se até ahi poucos meses o grupo actuaba acudindo a tácticas rudementarias e ao uso unicamente de armas lixeiras, limitando o seu radio de acción ás rexións nororientais, no último semestre a súa capacidade operativa experimentou un evidente salto cualitativo. Os atentados do 16 de xuño e do 28 de agosto na capital Abuja, contra o cuartel xeral da policía e a sede de Nacións Unidas respectivamente, con auto-bomba e ataques suicidas, demostraron que a secta é agora capaz de golpear no corazón da Federación nixeriana con modalidades típicas do terrorismo islámico.

Ainda que esta evolución sexa considerada a proba da existencia de ligazóns con organizacións como Al Qaeda do Magreb islámico e osShabaab somalíes, e ainda que o ataque á ONU teña feito temer a internacionalización dos seus obxectivos, a crecente actividade de Boko Haram debe inserirse no contexto dos febles equilibrios políticos e sociais de Nixeria.

A contestada elección de Jonathan representou un punto de inflexión na historia do pais, dado que de feito puxo boca abaixo os históricos equilibrios que até agora viran como a elite setentrional compensaba eficazmente a meirande riqueza e dinamismo das rexións meridionais. No 2010 a morte de Umaru Yar’Adua, musulmán do Norte elexido presidente tres anos antes, deixara en Nixeria un vacío de poder, durante longo tempo alimentado pola incerteza sobre a lexitimidade da candidatura de Jonathan para ocupar o posto, polo feito de proceder dun grupo étnico do Sur. Un acordo interno do partido do goberno prevía de feito que o máximo cargo do Estado sería ocupado por un representante do Norte até o 2015, cando Yar’Adua debería ter completado o segundo mandato: por outra banda, do 1999 ao 2007, a silla presidencial fora ocupada por Olesegun Obasanjo, orixinario da zona sudoccidental.

Jonathan pertence sin embargo aos Ijaw, unha etnia cristiá minoritaria a nivel nacional, pero que representa a maioría da poboación do Delta do Níxer; os Ijaw son tamén o grupo étnico no que tivo as súas orixes o Movement for the emancipation of the Niger Delta (MEND), a formación rebelde que por anos tivo a ferro e lume a rexión petroleira nixeriana.

A contraposición entre Norte e Sur surxiu claramente da distribución do votos expresada nas eleccións de abril: dos 36 Estados que compoñen a Federación, o actual presidente non conquistou nen un entre aqueles situados ao Norte de Abuja, onde a maioría dos electores votou por Muhammadu Buhari, o seu principal contrincante e orixinario daquelas terras. Jonathan adxudicouse a vitoria final unicamente grazas ás porcentaxes búlgaras obtidas no Sur do país.

A súa elección foi percibida como unha venganza polos habitantes do Delta, que até o de agoranunca elexiran un presidente, e coincidiu, máis alá dalgúns episodios illados, co adormecemento das actividades do MEND. As elites setentrionais viron, pola contra, redimensionado o seu peso político, mentras a poboación derrotada de Buhari xerou un forte descontento, que estoupou nos días inmediatamente seguintes ás aleccións en fortes manifestacións de protesta durante as que perderon a vida centenares de persoas.

Neste contexto, o factor relixioso, que vé a Nixeria dividida entre o Norte musulmán e o Sur cristiano sobreponse á competición polo poder e polo reparto dos recursos sobre a base étnico-relixiosa, sen representar daquela a principal razón da constante inseguridade que azouta o país. En tanto osBoko Haram sexan fundamentalistas islámicos e teñan como obxectivo declarado o de instituir un novo califato, estendendo a sharia a todo o territorio nacional (a lei coranica está xa en vigor en 12 Estados da Federación), as razóns do crecemento de actividade do movemento deben ser rastrexadas nas relacións que os seus compoñentes teñan trabado con políticos locais e membros das forzas de seguridade pertencentes ás etnias do Norte, interesados na radicalización da violencia para tornar ingobernábel o Estado.

Daquela resulta evidente que os Boko Haram teñan encontrado terreno fértil no difuso sentimento de aliñamento nos enfrentamentos co goberno central e na pobreza extrema na cal viven grande parte dos nixerianos, con máis grande incidencia mesmo nos territorios setentrionais, onde os moitos xovens desocupados constitúen un amplo viveiro no que recrutar novos adeptos. A crecente frecuencia coa que os Boko Haram teñen golpeado desde a elección de Jonathan é o síntoma máis que a causa da inestabilidade.

Pero o goberno non ten manifestado a vontade de afrontar os problemas do Norte con políticas que sexan quen de mellorar as condicións de vida, e tampouco parece que teña a capacidade para implementar un proceso de diálogo coas elites setentrionais. Fronte á escalada das actividades de Boko Haram, Jonathan reaxiu recurrindo aos mesmísimos instrumentos represivos coas que as precedentes administracións tentaron inutilmente aplacar as reivindicacións do MEND. O mesmo corpo especial do Exército (Joint task force), famoso pola expeditividade das súas accións e utilizado por Obasanjo e Yar’Adua contra os rebeldes do Delta do Níxer, foi agora enviado aos Estados nororientais, bastións fortes da secta. Como era previsíbel, os soldados nixerianos implicáronse en numerosos asasinatos de civís, contribuindo a exasperar a frustración popular e a reforzar a propaganda dos extremistas.

A estratexia do uso da forza foi confirmada por Jonathan, que o 31 de decembro declarou o estado de emerxencia en catro estados (Borno,Yobe, Niger e Plateau), antes de emprender unha ulterior militarización, que inclúe tamén o peche das fronteiras co Níxer, Chad e Camerún, países dos cais se sospeita que os Boko Haram reciban asistencia. Isto despois de anunciar que unha quinta parte do orzamento para 2012 será destinado a gastos militares para a seguridade interna. Un gran compromiso de recursos, que choca coa impopular decisión, que entrou en vigor o primeiro de xaneiro, de abolir o subsidio co cal o goberno mantiña baixo o prezo dos carburantes -multiplicado por máis de dous no curso de poucas horas. Unha medida xustificada con esixencias orzamentarias e co proxecto de realizar numerosos proxectos para o desenvolvemento, pero que de feito clausura quizá a única medida real de redistribución dos enormes ingresos petroleiros nun país no que case a totalidade da riqueza está concentrada nas mans do 1% da poboación.

A decisión do goberno sumou así un ulterior motivo de tensión social nun escenario xa azoutado polas continuas violencias, provocando unha onda de protestas e a dura toma de posición dos sindicatos, que convocaron unha folga xeral a partires do luns 9 de xaneiro.

Non parece que haxa sitio para o optimismo: mentras Jonathan tamén onte defendeu a abolición do subsidio, as asociacións cristiás pedíronlle ao goberno máis dureza nos enfrentamentos cos extremistas islámicos, definindo o que está a suceder como unha verdadeira e auténtica tentativa de policía étnico-relixiosa e chamando aos fieis a defenderse autonomamente contra as agresións; entrementras, Dokubo Asari, controvertida figura ligada ao MEND, propuxo represalias nos enfrontamentos cos musulmáns -o 27 de decembro no Delta do Níxer, por outra banda, estoupou unha bomba nunha escola coránica, ferindo a seis nenos-; finalmente, os Boko Haram ameazaron con realizar un novo ataque que tería como obxectivo o mesmo Lagos, a capital económica de Nixeria, coa súa faciana deitada sobre o Atlántico.

Todo isto fai temer que a violencia prosigae que as relacións rexionais no país soporte da África Occidental se endurezan ulteriormente.

Publicado en LIMES- revista italiana de xeopolítica (http://temi.repubblica.it/limes/) o 9/01/2012.

Traducido ao galego por Administrador.