Que pode facer Occidente para salvar Libia.

KARIM MEZRAN

O fracaso das eleccións e a persistencia da crise suxiren un novo tipo de intervención externa. Salwa Bugaighis, a avogada que defendía os dereitos humanos, última vítima dos homicidios planificados.

A verdadeira batalla de Libia non é entre laicos e musulmáns.


Un grupo armado e disfrazado atacou en Bengasi a vivenda da avogada e activista política Salwa Bugaighis, asasinándoa e secuestrando ao marido: era a tarde do 25 de xuño.

A brutalidade, o salvaxismo, a impunidade coa que se produciu a acción representan con claridade a ulterior evidencia do colapso na capacidade de asegurar a orde pública e a convivencia civil en Libia. O de Salwa Bugaighis é realmente só o último dunha longa cadea de homicidios planificados, efectuados contra membros das forzas de seguridade, xornalistas e activistas políticos.

A situación foi a pior nos últimos 9 meses. Ao aumento e recrudecemento dos ataques terroristas acompañouno o colapso das lexítimas pero tamén febles institucións libias. A única reacción por parte das forzas políticas e da comunidade internacional é a de chamar a novas eleccións [lexislativas, levadas adiante mesmo o 25 de xuño], poñendo toda esperanza de resolver a crise nun hipotético éxito das eleccións.

Hoxe ainda está máis claro canto de fútil ten esta esperanza. Estas eleccións foron organizadas con gran présa, efectivizadas non sobre listas de partido senón marcando candidatos individuais, despois dunha campaña electoral praticamente inexistente. Privada de contidos e sen proxecto político ou programa algún, non pode máis que dar lugar a un parlamento ainda menos relevante que o precedente. Confírmano os datos sobre afluencia ás urnas por parte da poboación, baixísimos, con pouco menos do 20% dos electores con dereito a voto que foron votar, demostrando sen marxe de erro a gran apatía e o desinterese dunha poboación violentada polas accións da criminalidade, pola violencia das milicias e das continuas ineficiencias.. De feito, non hai máis que interrupcións no suministro de electricidade, auga, gasolina e gasóleo.

Estas eleccións non serán de modo algún resolutivas, non resultando dun acordo de longo alcance por parte de todas as forzas políticas libias.

Son simplesmente una tentativa de postergar escollas drásticas e quizá impopulares. A elección dun novo parlamento non poderá cambiar a gravedade da situación sobre o terreo: o predominio das lóxicas locais, dos intereses dos clans e de individuos particulares permanecen inmutados.

O enfrentamento existente hoxe en Libia non é -como habitualmente se expresa erradamente- o que se dea entre islamistas e non-islamistas, federalistas contra nacionalistas, tribu contra tribu. A raíz das violencias e da inestabilidade deriva das diverxentes visións de quen lexitimamente ambiciona a proclamación dun Estado de dereito (que inclúa unha constitución que leve a unha pacífica coexistencia pluralista e democrática) e quen, polo contrario, persegue ambicións e intereses persoais, que unicamente a violencia, a desorde e o crime poden asegurar.

Non existe hoxe outra posíbel solución máis que organizar unha mesa de negociación entre as principais forzas lexítimas do país -aquelas orientadas á consecución dun obxectivo unitario e democrático para Libia-. Por esta vía poderá atoparse o acordo para a constitución dun goberno de unidade nacional. Unha primeira lista, se ben non exhaustiva, dos expoñentes seguramente a incluir vería, ademais aos moderados seculares unidos en torno á Alianza das forzas nacionais de Mahmoud Jibril, as forzas islamistas moderadas dirixidas pola Irmandade musulmana e a todos os grupos da galaxia islamista que demostraron vontade política e rexeitamento do uso da forza. Deberían igualmente ser incluidos os líderes das principais milicias ligadas ao Estado ou dependentes das forzas regulares locais -en particular de Misrata e de Zintan-.

Xustamente sobre esta obxectivo traballaba a avogada Salwa Bugaighis, coa súa incansábel obra na dirección da Comisión preparatoria para o diálogo nacional, e con toda seguridade mesmamente por isto foi asasinada. A pregunta que moitos agora están a facerse é esta: poden os libios ser capaces de sair sós desta crise?

Non hai dúbida de que a solución debe ser buscada e identificada polos libios. Pero tamén hoxe, como no 2011, podería ser resolutiva unha axuda externa. Daquela, a intervención da NATO para deter as columnas blindadas do coronel Gadafi que marchaban cara Bengasi para afogar en sangue a revolución, foi decisiva e permitiu o posterior derrubamento do réxime.

A Alianza atlántica xustificou a súa intervención coa adopción do principio en base ao cal a comunidade internacional ten o dereito de intervir para defender a poboación civil ameazada. O mesmo principio debería ser invocado tamén hoxe, ainda que de modo e en termos diferentes.

Pero para intervir fai falta comprender a urxencia imposta pola crise e actuar axitando os bens coñecidos pau e cenoura, para inducir a todas as forzas libias a aceptar no concreto a opción negociadora. A “cenoura” consiste no apoio económico, diplomático e político para a reconstrución do país, ao seu desenvolvemento, á calidade de vida e ao benestar colectivo.

En cambio, máis difícil é concretar o “pau”, non existindo interese algún dos países occidentais en apoiar unha intervención armada contra as inaprehensíbeis forzas antagonistas e antitéticas coa democracia. Unha posíbel medida -xa adoptada con relativo éxito noutros casos- podería consistir en identificar os concretos líderes políticos, comandantes de milicias e xefes de banda, atacando os seus intereses con un sistema selectivo de sancións económicas, restricións de movementos e outras medidas cohercitivas, buscando favorecer de tal modo a adhesión ao proceso negociador. Ou, como alternativa, provovar a marxinalización deles e a redución do seu rol e capacidade de acción.

Permanece en todo caso como prioritaria a esixencia de facer comprender aos actores internacionais como e canto de urxente sexa a situación baixo o prisma da seguridade, así como que interveñan rapidamente en apoio das forzas interesadas na estabilidade, para impedir o colapso da transición e a precipitación do país cara un estado de anarquía ou, peor, nunha nova ditadura.

Publicado en LIMES-rivista italiana de geopolitica (http://temi.repubblica.it/limes/) o 18-7-2014. Traducido ao galego por Administrador.