MONARQUÍA OU REPÚBLICA

Partindo da base de que non considero boa ningunha forma de dominación política, o debate aberto sobre a foma futura de goberno do estado español, monarquía constitucional ou república, levame a inclinarme pola monarquia como a forma de dominación menos mala das que se plantexan neste debate. Na realidade non existe muita diferenza entre unha monarquía constitucional e unha república como as que se dan no noso contorno, salvo que na monarquía a figura do xefe do estado non está vencellada a ningún partido ou ideoloxía política e polo tanto pode cumprir mellor coas suas labouras de representación institucional, tanto no ámbito interno como no externo. Isto é, cando representa ao estado no exterior representa ao país sen connotacións partidarias e desperta por tanto menos reticencias que un presidente, que ten súa orixe nalgunha das partes en concorrencia dentro do sistema político do país (xa sexa por elección directa como en países como Francia ou Portugal, ou indirecta a través de pactos e negociación entre as forzas principais). Sería por tanto un político de partido e como tal sería ben recibido por uns e non tan ben por outros. O mesmo acontecería a nivel interno, e perdería por tanto boa parte da súa labor moderadora. A isto haille que sumar que ao ter procedencia partidaria, probablemente quixese influir na política cuotidiana do país, como aconteceu na segunda república española na cal o presidente tomou decisións moi arriscadas que contribuiron a inestabilidade do reximen, muitas veces en contraposición as decisións do goberno, sexa este da súa cor política ou de cor distinta.

A monarquía conta con outro valor engadido que non debe ser esquecido, que é o da súa permanencia no tempo. Isto leva a que a súa experiencia en política exterior sexa acumulativa e que os reis atesouren unha non despreciable cantidade de contactos e claves políticas, muitas veces debidas as súas relacións de parentesco con outras familias reais, algo que un presidente de república non pode igualar, dado que o carácter temporal do seu mandato.

As monarquías non son baixo ningún concepto unha forma política irriacional, como pode ser fácilmente contrastado ao observar que bos parte dos países máis prósperos do mundo son monarquías, pero tamén entre os menos prósperos podemos constantar como as virtudes de estabilidade e moderación están máis presentes nas monarquías que nas repúblicas. A comparación do resultado das primaveras árabes nas repúblicas e nas monarquías árabes debería facernos reflexionar muito sobre as virtudes relativas de cada forma de goberno.

Miguel Anxo Bastos Boubeta