Recalcati: análise psicopatolóxica do grillismo.

Publicamos un interesante estracto de “Patria senza padri. Psicopatologia della politica italiana” de Massimo Recalcati, libro-entrevista a cargo de Christian Raimo, editado por Minimum Fax.

Qué pensas do fenómeno Grillo? Qué análise psicopatolóxica farías?

Nun vello film de Woody Allen titulado O ditador do estado libre de Bananas, cóntanse con lacerante ironía os avatares rocambolescos dun revolucionario que combate a inxustiza da ditadura no nome da liberdade e que remata por adoptar o papel dun ditador despiadado idéntico a aquel que combatera. Cada revolución, repetíalle Lacan aos estudantes do 68, tende a torrnar ao punto de partida e a historia danos continuas e dramáticas confirmacións. Tamén Grillo se caracteriza por estar animado por aquel fantasma de pureza que acompaña a todos os revolucionarios máis fundamentalistas. Él proclama en voz alta a súa diferencia absoluta dos impuros: colócase con forza fóra do sistema, fóra das institucións, fóra dos circuitos mediáticos, fóra de toda xestión partitocrática do poder, declara que a súa persoa e o seu movemento non teñen nada a compartir cos outros representantes do pobo italiano que se sentan no Parlamento, invoca unha democracia directa convertida en posíbel pola potencia horizontal da rede, que convertiría en superflua calquer outra mediación, considera que Italia debe sair de Europa e do euro, xulga a existencia de partidos un oprobio, proclama a transparencia e a colexialidade absoluta de cada escolla política do seu movemento, adopta o insulto no canto do diálogo, pensa que adicar a propia vida á política sexa de por sí un feito anómalo e sospeitoso que é necesario impedir, teoriza unha ríxida permutación de todas as asignacións de representación; o seu xuízo sobre a clase dirixente do noso país fai de toda a erva un feixe postulando que é como para mandala enteira ao pozo, alimenta con desprezo o odio cara a política acusada de affarismo mercenario.

Todos estes xuízos -sen entrar no xuízo sobre o seu contido, que tamén se pode en parte partillar- están inspirados por un fantasma de pureza que encontramos no centro da vida psicolóxica dos adolescentes. Véxase a consulta directa de Bersani con representantes do movemento Cinco Estrelas no momento do seu intento de constituir goberno. Que vemos? É o diálogo entre un pai en dificultades e os seus fillos adolescentes en plena reivindicación protestataria. Veume de supeto á mente “Pastoral americana” de Philip Roth, onde se conta a atormentada historia das relacións entre un pai – o mítico «sueco» – e unha filla rebelde, diletante, primeiro adherente a unha banda de terroristas e despois a unha secta relixiosa que obriga a levar unha máscara na cara para non matar os microorganismos que poboan o aire. O diálogo entre eles é imposíbel.

O pai tenta entender onde errou e qué pode facer para cambiar a situación, a filla responde a golpe de machete: fuches ti quen me trouxo ao mundo, non eu; és ti quen creou esta situación, non eu; és ti quen debe porlle remedio, non eu. Así reacciona en realidade a crítica estéril do adolescente revoltoso. O mundo dos adultos é falso e impuro e só merece ser insultado. Pero qué mundo é posíbel como alternativa? E, sobretodo, como construilo? Aquí o fundamentalismo adolescente retírase. A súa crítica resulta impotente porque non é capaz de xerar realmente un mundo diferente. Só pode chamarse fóra da responsabilidade que descarga enteiramente no Outro, reafirmando a súa inocencia incontaminada… Pero de aquí a darlle vida a un auténtico cambio non se pasa, porque non hai un cambio auténtico se non respetando as xeracións que nos precederon, se non por medio dunha subxectivación, unha reconquista da herdanza que ven do Outro.

Este fantasma de pureza que ten orixe nunha fixación adolescente da vida atópase tamén como fundamento de todos os leadership totalitarios (non da berlusconiana, que xoga en cambio sobre o poder de atracción da transgresión perversa das Leis). E sabemos ben a onde conduce iso. Xa tivemos atroces exemplos no Novecento. O psicoanalista, por deformación profesional, mira sempre con sospeita a quen se considera portador de instancias de purificación da sociedade, que reacciona en nome do ben. O psicoanalista sabe que quen se mantén puro non ten tolerancia cara a diversidade. A purga staliniana era a metáfora fisioloxica radical de esta intolerancia. O estado mental dun movemento ou dun partido mídese sempre en relación co modo en que recibe a disidencia interna. Sabe tela en conta, valorizala, integrala ou reacciona só mediante mecanismos de exclusión? Sabe garantir o dereito á palabra, de obxección, de opinión persoal, ou pola contra procede eliminando a anomalía, expulsándoa coa forza do seu corpo?

Grillo non ten vacilacións desde este punto de vista. Él aplica o regulamento excluindo as excepcións, segundo o máis puro espírito colectivista. A parte de reiterar a súa posición como excepcional. Os seus enunciados son singulares, non deben ser discutidos primeiro, mentras os dos seus adeptos deben ser validados escrupulosamente pola democracia absoluta da rede. Prohíbese que cada un fale e pense coa súa propia cabeza, esíxese unha vixiancia sobre cada representante electo para que non se aparte das decisións compartidas. Pero a agresividade co manifesto no que algúns intelectuais se dirixían con esperanza ao movemento 5 Estrelas pedindo que dialogase co centro-esquerda ou a ameaza de revogar o artigo 67 da Constitución sobre a liberdade de pensamento dos nosos novos representantes parlamentarios estiveron precedidos de posicións democraticamente discutidas? Como pode ser críbel nos feitos a democracia nun movemento que lle atribúe ao seu líder a posición de encarnar unha excepción absoluta? Neste sentido profundo o Movemento 5 Estrelas é anti-político. O culto demagóxico da transparencia absoluta agacha esta presenza anti-democrática dunha lideranza incondicional. Se a acción política é a paciencia da traducción, se non admite tempos breves, non contempla a actuación de Un só, o novo leader louba a anti-política como a posibilidade de ter unha soa lingua -a súa-, que non é necesario traducir, senón unicamente aplicar. Como non ver que hai un paradoxo evidente entre a esixencia de que ninguén fale a partires da súa cabeza e as consultas colectivas que deberían facer transparente cada acto e compartida cada toma de posición?

O líder anárquico e soberano permanece como eterno no movemento que fundou. É a súa excepción absoluta; él está na posición do pai da orda do que fala Freud en “Tótem e tabú”. O culto do colectivo é un culto estalinista. O suxeto é sacrificado, abolido, negado na súa singularidade. Unha vez veu no nome da Causa da historia, hoxe ven por narcisismo egocéntrico. A amplificación megalómana do ego é propia de todo ditador. Pero tamén a transformación dos suxetos nun “órgano” anónimo non é unha característica propia de cada réxime autoritario? A imposibilidade de poder falar a título persoal? A eliminación dos nomes propios? A psicoanálise ensina que o dereito á expresión da propia palabra é insubstituíbel. É a razón pola cal nunca tivo gran difusión nos paises sen longa tradición democrática. Un líder digno deste nome traballa para a súa sucesión desde o momento de asumir o seu cargo, mantendo o movemento ao que representa o máis autonómo que sexa posíbel da súa figura. Isto é, prepara as condicións dunha transmisión simbólica. Todo isto resulta de difícil solución cando un movemento non ten historia, non ten pais, senón un xenitor vivo e vigoroso que reivindica o dereito de propiedade sobre a súa criatura. «Eu fíxente e eu desfágote», advertíalle unha nai psicótica a unha pacente miña aterrorizada. Unha lideranza democrática debe sempre responder ao criterio paterno dunha ressponsabilidade sen dereito de propiedade. Pénsese en cambio na reacción de Casaleggio no día seguinte das eleccións, ao dicir que se o movemento non tivese adoptado certas indicacións súas de comportamento dos recén electos non tería conseguido nada e non funcionaría. Velaí a ameaza máis narcisista posíbel que un fundador pode facer: eu estarei contigo até que ti te me asemelles, até que me reproduzas; se tu adoptases unha cara propia, unha orixinalidade túa, eu non querería saber máis de ti e marcharía.

O pluralismo é temido por Grillo como por todos os líderes autoritarios. O soño dun consenso ao cento por cento é un síntoma elocuente. Como vimos era o soño dos homes de Babel mentras lanzaban o seu delirante ataque ao ceo, o seu desafío a Deus: un só pobo, unha soa lingua. Non, as cousas humanas non funcionan así. O Señor disemina sobre a faz da terra aquela multitude exaltada obrigándoa á diferencia, ao pluralismo das linguas, esixindo a paciencia das traducións. Existen na democracia máis linguas, e cada unha ten dereito de manifestarse e de ser escoitada. Habería problemas se o fantasma da pureza se realizase ao cento por cento. Recórdao xustamente Roberto Esposito: unha democracia que se realizase completamente estaría morta, anularía todas as diferencias das linguas no corpo compacto da “vontade xeral”, daría lugar a unha tiranía.

Recollido da web http://www.vita.it, na que foi publicado o 27-8-2013. Traducido ao galego por Administrador.